Monday 29 de April de 2024

A Feira de Oportunidades de Ordes acollerá dous cursos de repostería, cuxo prazo de inscrición xa está aberto


Ofreceranse receitas para persoas celíacas, diabéticas e sen intolerancias alimentarias. A cita desenvolverase esta fin de semana na Praza de abastos

A II Feira de Oportunidades organizada para esta fin de semana polo Concello de Ordes acollerá varios cursos de repostería. O primeiro deles terá lugar o venres, 4 de marzo, de 18 a 20 horas e nel elaboraranse receitas para persoas celíacas e diabéticas. Xa de cara ao sábado, 5 de marzo, e á mesma hora, desenvolverase o de iniciación á repostería. En ambos os casos a actividade terá lugar nas instalacións situadas no primeiro andar da praza de abastos, espazo dotado cunha ampla cociña instalada precisamente para a posta en marcha deste tipo de iniciativas culinarias.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse xa no Departamento de Cultura e Deporte, situado no primeiro andar. Convén facelo canto antes xa que o número de prazas é limitado.

A II Feira de Oportunidades desenvolverase dende o vindeiro venres ata o domingo, 6 de marzo. Con esta iniciativa o Concello de Ordes bríndalles a oportunidade aos comerciantes locais a celebrar unha cita na que poder expoñer e ofrecer os seus produtos a un mellor prezo. Unha fórmula que vén de acadar grande aceptación e moi bos resultados tanto en Ordes como noutras localidades. En total serán arredor de 15 establecementos que porán á venda o mellor en téxtil, calzado, bixutería, marroquinería e cerámica. Firmas e comercios ben coñecidos por todo o público ordense, como é o caso de Dress, Alfombra roja, Kukadas, Sombrero de copa, Sportec, Carma, Muxa, Ekaté, Capitán, Arco iris, Andrea mercería, Xan Ferreiro ou Juan Carlos Varela roupa infantil.